Segundo informa AXEGA 112, este martes ao fío das 19:00 horas, houbo un accidente na localidade coruñesa de Carballo. Tratouse dunha colisión frontal entre dous vehículos que circulaban pola AC-552, ao redor do punto quilométrico 27, en Bértoa e foi precisa a intervención do material de excarceración para liberar aos dous condutores, que quedaron atrapados no interior de ambos vehículos tras o impacto. Así o relataron os Bombeiros de Carballo ao 112 Galicia despois de excarcerar aos feridos.
Nada mais ter constancia do accidente, a través dunha persoa particular que informaba dunha colisión entre dous turismos con persoas feridas, o 112 Galicia informou ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que derivou ata o lugar ao helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela e que tomou terra no mesmo lugar dos feitos. Así mesmo, foron avisados os Bombeiros de Carballo, os axentes de Tráfico, da Policía Local e os efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade. Do mesmo xeito, os xestores do 112 solicitaron a colaboración do persoal do servizo de mantemento da estrada, que se encargaron das tarefas de limpeza da vía.