AXEGA112
As oficinas dunha nave de carpintaría resultaron completamente calcinadas ao producirse un incendio na propia nave, sen ter ata momento, constancia das causas que orixinaron o lume.
Por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais ao non haber, a esa hora, traballadores na nave, situada no lugar de Merelle, en Tállara, no concello coruñés de Lousame.
Pasaban dez minutos das 13:30 horas deste mediodía, cando a dona alertou ao 112 Galicia dun incendio na oficina da nave. Indicaba que non había afectados, que os traballadores marcharan e non podía acceder.
De inmediato, os xestores do 112 puxeron en marcha un dispositivo no que participaron os Bombeiros de Boiro, os membros do GES de Brión e os efectivos de Protección Civil de Noia. Ademais, aínda que finalmente non foi precisa a súa intervención, tamén foron avisados os Bombeiros de Ribeira, así como o persoal de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.Tras extinguir as lapas, os Bombeiros confirmaron que arderan as oficinas na súa totalidade.