Tres persoas tiveron que ser trasladadas despois de declararse un incendio nun piso dun edificio en Santiago de Compostela. Ademais, o inmoble tivo que ser desaloxado mentres se levaron a cabo os traballos de extinción e ventilación.
Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, ardeu por completo un salón-comedor da vivenda e o resto do piso quedou totalmente afectado polo fume.
Os feitos sucederon na Avenida de Lugo, á altura do número 203, ao fío das 22:25 horas. Nese momento, varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para dar conta do incendio.
Acto seguido, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Santiago, á Policía Nacional e Local e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.
Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, as labores de extinción do incendio e ventilación remataron ao redor das 00:45 horas. Por outra banda, os veciños puideron regresar ás súas vivendas unha vez finalizada a actuación dos servizos de emerxencia.
INFO-AXEGA 112