Unha muller resultou ferida despois de precipitarse co seu vehículo por un desnivel cando circulaba á altura do lugar de Couso de Arriba, no concello coruñés de Negreira.
Todo ocorreu ao fío das 23:00 horas da noite pasada, a esa hora, unha persoa particular que se identificaba como familiar da ferida alertaba ao 112 Galicia. Indicaba que a súa cuñada tivera un accidente e que non podía saír do interior do vehículo. Decontado, desde o 112 Galicia alertouse aos Servizos Sanitarios de Urxencia, aos Bombeiros de Santa Comba, aos membros do GES de Brión, aos axentes de Tráfico e da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade.
Finalmente, tras chegar ao lugar dos feitos, os Bombeiros do Xallas confirmaron ao 112 Galicia que a muller non estaba atrapada senón que, o turismo ao quedar nunha situación complicada impedíalle saír do seu interior, polo que tiveron que facer uso do equipo de rescate para evacuar á condutora.
Unha vez evacuada, a muller foi trasladada polos Servizos Sanitarios de Urxencia de Galicia-061 ao centro hospitalario de referencia.
Fonte- Axega 112