//AXEGA 112//
Unha persoa puido ser encontrada na mañá de hoxe grazas ao envío das súas coordenadas ao 112 Galicia a través do sistema de xeolocalización da aplicación WhatsApp. O incidente tivo lugar ás 11:30 horas, cando unha persoa particular chamou para solicitar axuda tras perderse por un camiño de pedras ao seguir as indicacións do seu GPS mentres conducía.
Segundo a información facilitada ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE), o alertante non era capaz de seguir adiante debido ás condicións adversas da vía. Ademais, ao non coñecer a zona, o particular optara por permanecer no punto para evitar danar o vehículo no que se atopaba.
De inmediato, os xestores do 112 Galicia solicitaron á persoa o envío das súas coordenadas a través da aplicación de mensaxes instantáneos. Nada máis ter constancia da localización, desde o CIAE solicitouse a intervención dos membros do GES de Muros e dos axentes da Garda Civil e da Policía Local.
Deste xeito, os equipos de emerxencia puideron acudir ao rescate da persoa perdida – nun camiño da parroquia de Santa Mariña de Esteiro, no concello coruñés de Muros – e axudarlle a sacar o vehículo para que puidese seguir o seu camiño.