Un mariñeiro falecido e tres superviventes despois de afundir a embarcación coa que saían de faena.
O naufraxio aconteceu esta madrugada, na dársena do Porto de Malpica, cando os catro tripulantes da embarcación se dispoñían a saír de faena. Por causas que ata o momento se descoñecen, «A Silvosa», virou e envorcou no mesmo Peirao. Un dos tripulantes faleceu no mesmo barco e, afortunadamente, os outros tres mariñeiros lograron poñerse a salvo tras lanzarse á auga.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do suceso, pasados uns minutos das 04:30 horas. Foi a esa hora, cando un particular poñía en alerta aos servizos de emerxencia.
De inmediato, dende o 112 Galicia puxéronse os feitos en coñecemento de Salvamento Marítimo, que axiña mobilizaron unha embarcación cara o lugar. Do mesmo xeito, os xestores de emerxencias alertaron ao 061-Urxencias Sanitarias e informaron á Garda Civil, aos efectivos de Protección Civil, así como, ao Servizo de Garda Costas e Portos de Galicia. O Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) tamén foi alertado por si fose precisa a súa intervención.
Nada mais chegar ao punto, os profesionais sanitarios trataron de reanimar á vítima pero nada puideron facer por salvárllela vida.Nestes intres, os servizos de emerxencias tratan de remolcar a embarcación sinistrada.
AXEGA 112