O ciclo «Venres Teatrais» da Laracha péchase nesta semana coa obra Pementeiras, da compañía padronesa Xoré Teatro, que se escenificará na Casa da Cultura da Laracha a partir das 21:00 horas. Vai dirixida a maiores de doce anos de idade, sendo a entrada libre e gratuíta.
Pementeiras narra a historia de dúas amigas que teñen un pensamento moi diferente da realidade social na que están inmersas. Sofía, unha muller nova, que ten grandes inquietudes e ganas de loitar polo seu recoñecemento persoal e profesional, anímase a participar en calquera proxecto que mellore a súa situación actual. Por outro lado, Dosinda, unha muller tradicional arraigada aos valores tradicionais, non amosa ningún interese en mellorar a súa situación social e familiar, xa que para ela as cousas sempre foron así e non deberían cambiar. Durante o desenvolvemento da obra Sofía faille ver a Dosinda a situación na que se atopa e axúdalle a iniciar un proceso de reflexión persoal que lle deparará grandes cambios, tanto no ámbito familiar como laboral.
Pola súa temática, esta peza teatral inclúese no programa municipal co que o Concello da Laracha conmemora o Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, que se celebra o día seguinte, isto é, o sábado 25 de novembro