O delegado territorial da Xunta na Coruña,Ovidio Rodeiro, visitou esta tarde diferentes lugares dos concellos de Trazo e Val do Dubra que resultaron afectados pola vaga de lumes rexistrada na fin de semana dos pasados días 14 e 15. Rodeiro, que estivo acompañado polo tenente de alcalde de Trazo, Antonio Castiñeiras, e polo alcalde de Val do Dubra, Antonio Negreira, comezou a súa visita polo lugar de Oa (Xavestre), a parroquia de San Pedro de Benza, e a de San Cosme de Portomeiro, núcleos todos eles onde xa estivera na tardiña do domingo interesándose pola situación dos veciños.
Seguindo a mesma ruta que fixera na madrugada do luns 16, Ovidio Rodeiro desprazouse a continuación ao concello de Negreira, onde foi recibido e acompañado polo seu alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez. Os dous desprazáronse a San Vicenzo de Aro, a máis grande das 16 parroquias de Negreira, onde se chegou a establecer o posto de mando, logo da declaración de Situación Operativa II pola proximidade do lume ás vivendas e mesmo ao albergue de peregrinos.