Unha persoa resultou ferida despois de saírse da vía co seu turismo ao paso da localidade coruñesa de Carballo. Á 01:45 horas desta madrugada un particular indicaba ao persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE), que ía circulando pola estrada que enlaza Carballo e a Silva, en Sofán, e atopárase cun vehículo accidentado pero non vía a ninguén no punto. Outro alertante que tamén chamou ao 112 Galicia para informar do sinistro, case á mesma hora, indicaba que el mesmo, trasladara ao condutor ferido ata ao Centro de Saúde da localidade.
Dende o 112 Galicia, tras recibir a alerta solicitouse decontado, a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico e informouse aos Bombeiros de Carballo e aos efectivos de Protección Civil. Ademais, debido aos danos ocasionados na calzada, foi precisa tamén a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada, que se encargou da limpeza da vía.