A Confederación Intersindical Galega denuncia situación de «explotación laboral» en obras promovidas por Inditex. Para visibilizar as súas queixas membros da organización realizaron «unha ocupación simbólica» das obras da tenda de Zara no centro comercial Marineda da Coruña. Demandan unha negociación das condicións laborais.
O portavoz da Federación de Construción e Madeira da CIG na Coruña, Mario Maceiras, referiuse a «incumprimentos sistemáticos dos convenios colectivos» por parte das empresas «premiadas» por Inditex, así como a realización de xornadas de máis de 12 hora e outras irregularidades. A mobilización contou co respaldo do sindicato UNIA, na persoa do xalleiro Xosé Abelenda.
«Aparte do dano infrinxido a operarias e operarios, só en materia de horas extraordinarias non declaradas á Seguridade Social, a fraude pode acadar proporcións multimillonarias que o sindicato vai pór en coñecemento das autoridades», destacou Maceiras.Desde a CIG sinalan que a Inspección de Traballo xa certificou recentemente que noutra obra de Zara Home en Arteixo «non se respectou o calendario laboral por traballar festivos, polo que levantou acta de infracción».