Un choque entre dous vehículos que circulaban pola Avenida de Caión, no concello coruñés da Laracha, saldouse cunha muller ferida. Ao fío das 20:00 horas deste luns, un particular alertaba ao 112 Galicia do accidente. Indicaba, ademais, que a muller podía estar atrapada no interior do vehículo.
A partir de aí, o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 puxo os feitos en coñecemento do persoal sanitario e dos Bombeiros de Bergantiños que, finalmente, confirmaron que non foi preciso excarcerar. Ata o punto, tamén se desprazaron os axentes da Policía Local e de Protección Civil tras ser requiridos polo persoal do CAE 112 Galicia.