A «Primavera Teatral» de Paiosaco pecharase este venres coa terceira e última función, que se escenificará ás 21:00 horas no auditorio do centro sociocultural, con entrada libre e gratuíta.
O furancho é unha comedia dirixida a maiores de catorce anos de idade. Está protagonizada por Isabel Risco e Marián Bañobre, dúas artistas multidisciplinares, sempre na vangarda do deseño e das últimas tendencias. No espectáculo créase un espazo cargado de agroglamour no que se fusionan as tendencias máis trendies con elementos propios da máis pura tradición, como os zocos e o pololo. Cada un dos detalles é parte dun todo harmónico configurado a partir de estilismos minimalistas e cálidos que sintetizan o pasado co presente, o rural co cosmopolita, o loureiro coas novas tecnoloxías. Dúas mulleres fortes, con carácter e desbordante personalidade, que definen á perfección a esencia enerxética e desvergonzada das pallasas: dúas iconas femininas fonte de inspiración para todas esas loitadoras que son quen de poñer o mundo patas arriba para lograr que os seus soños se fagan realidade.
Obradoiro-Contacontos na Laracha
Por outra banda, tamén o venres a biblioteca municipal da Laracha acollerá A ciencia é divertida, un obradoiro dirixido ao público infantil (bebés e nenos de ata seis anos de idade) que inclúe contacontos e realización de experimentos científicos. Será a partir das 18:00 horas, tamén con entrada libre e participación gratuíta.
Esta iniciativa lévase a cabo no marco do programa do «Mes do Libro» en colaboración coa Xunta de Galicia a través do programa de dinamización lingüística Ler conta moito.