Un helicóptero rescatou esta tarde en Ponteceso unha muller de nacionalidade suíza que rompeu un pé mentres facía unha ruta de sendeirismo. Cando se produciron os feitos, a vítima camiñaba por unha zona de difícil acceso para os efectivos de emerxencia, na contorna da praia da Barra.
Así as cousas, foi precisa a intervención de medios aéreos. O Helimer de Salvamento Marítimo encargouse de rescatar a muller e trasladala ao Aeroporto de Alvedro, na Coruña. Alí xa estaba a agardar unha ambulancia, que trasladou a vítima a un centro hospitalario.
Unha irmá da muller ferida chamou ao 112 Galicia ás 13:00 horas de hoxe explicando o ocorrido. Dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse a Urxencias Médicas e ao GES de Ponteceso. Tamén se informou a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia.
Fonte-Axega112
Foto- Lois García Carballido-Facebook