O corpo dun home foi atopado esta mañá flotando en augas da praia carballesa de Baldaio, no lugar coñecido como «A Pedra do Sal. O 112 Galicia tivo constancia do suceso ás 10:00 horas, grazas a varios particulares que chamaron para informar do suceso. Segundo o relato das testemuñas, o corpo estaba na beira da praia e flotando boca abaixo.
A partir de aí, os profesionais do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 puxeron os feitos en coñecemento de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia. Así mesmo, pasouse o aviso a Urxencias Médicas, Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil de Carballo.
Unha vez no punto, os membros de Protección Civil indicaron ao persoal do CAE 112 Galicia que o cadáver do varón xa fora retirado da auga polos axentes da Garda Civil. A intervención do persoal sanitario tamén foi requirida para atender á esposa do falecido, afectada por unha crise de ansiedade ao coñecer os feitos.