Un home tivo que ser rescatado esta tarde en Malpica de Bergantiños tras caer por un acantilado e rematar nunha zona de difícil acceso. Os feitos tiveron lugar nas aproximacións do faro de Punta Nariga. O 112 Galicia recibía a alerta do suceso por parte dun coñecido do varón ás 12:15 horas. Segundo o seu relato, recibira unha mensaxe no teléfono na que o home pedía axuda por mor da caída.
Decontado, o 112 Galicia pasaba o aviso a Urxencias Médicas, á Garda Civil, ao GES de Ponteceso, aos Bombeiros de Carballo e a Protección Civil da localidade, que se achegaron ao lugar. Finalmente, os servizos de emerxencias conseguiron rescatar ao varón. A dotación dos Bombeiros utilizou unha padiola e cordas para elevalo, xa que sufriu unha fractura nunha perna. Tralo rescate, foi trasladado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.