Difundimos a nota de prensa do 112 Galicia sobre os efectos do temporal. Tamén engadimos unha imaxe sobre o desprendemento nos accesos ao faro de Cabo Ortegal.
O 112 Galicia atende medio cento de incidencias relacionadas co temporal de neve
O Centro de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia xestionou apenas medio cento de incidencias relacionadas co temporal de neve entre as 12:00 horas de onte e as 7:00 horas desta mañá. Os incidentes máis habituais neste período foron a presenza de neve en estradas (35) e placas de xeo na calzada (8). Con todo, ningún dos avisos atendidos polo 112 Galicia reviste consideración.
Por provincias, a de Pontevedra é a máis afectada, con 20 incidencias atendidas no período. Na provincia da Coruña contabilizáronse 12, mentres que nas de Ourense e Lugo foron xestionadas 9 e 5, respectivamente.
Atendendo aos datos por concellos, salienta o número de incidentes de Lalín, onde foron atendidas 4 alertas. En Melide foron xestionadas 2 e en Parada de Sil, outras tantas. Noutros moitos concellos, como Guitiriz, O Corgo, A Estrada, A Cañiza ou Mañón, foi atendida unha única alerta por municipio.