Un home duns 50 anos faleceu a pasada noite en Santiago de Compostela, tras ser atropelado por un vehículo. O sinistro produciuse na avenida do Restollal, á altura dun centro comercial.
O propio condutor do vehículo implicado contactaba co 112 Galicia ás 21:00 horas de onte para alertar dos feitos. Explicou que o varón cruzou diante do seu coche, sen que el puidese facer nada para evitar o atropelo. A vítima faleceu no acto.
O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias informou do accidente a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Santiago. A Policía Local e Protección Civil tamén recibiron o aviso.