José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e representantes da empresa Construcciones Lemos Martínez S.L., asinaron a acta de comprobación do replanteo da obra que inclúe a mellora da varias estradas rurais situadas en catro parroquias do municipio.O proxecto está valorado en 103.000 euros e financiarase con cargo aos fondos da anualidade 2016 do Programa de melloras de camiños de acceso a explotacións agrarias, promovido pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
As obras que se levarán a cabo sitúanse nas parroquias de Torás, Coiro, Lemaio e Cabovilaño. Teñen por obxectivo esencial mellorar as condicións da rede viaria para facilitar a accesibilidade a fincas agrarias, tal e como establecen as bases da citada convocatoria.
En concreto a actuación en Torás afecta ao camiño que comunica e cemiterio novo da Laracha coa zona de Mirón. En Coiro actuarase na estrada que vai desde o núcleo de O Cruceiro ata a vía provincial DP-1913. A terceira obra consiste na mellora das condicións do pavimento e tamén a drenaxe de pluviais en todo o tramo da vía que parte xunto á AC-552 no lugar de A Estrada (Lemaio) e pasa polo núcleo de Tuixe ata chegar ata A Barreira (xa na parroquia de Cabovilaño).Tralo trámite da sinatura da acta de replanteo, as obras previstas comezarán a desenvolverse nos próximos días.