/// Gómez Antelo participa este sábado nun mitin en Santa Comba ///
O alcalde de Xenebra, Alfonso Gómez Cruz, expresou o seu apoio á candidatura de Xesús Gómez ao Senado. Gómez Cruz, natural de Corme e membro do Partido Verde, afirmou que a do sindicalista xalleiro “é unha moi boa candidatura”.
Destaca que o candidato do BNG ten “moita experiencia sindical” e “coñece ben as institucións e as problemáticas sociais” e polo tanto é unha óptima opción electoral por “razóns sociais e ecolóxicas e tamén para Galiza”.
Mitin en Santa Comba
Este vindeiro sábado o Multiusos xalleiro acollerá un “Acto público aberto” do BNG, no que intervirá Xesús Gómez Antelo, Xosé Antonio Andrade (candidato ao Congreso), Xosé Regueira (Vicepresidente da Deputación), Xosé Abelenda (responsable do BNG en Suíza) e Esther Vieito e Juan David Sixto, do BNG de Santa Comba.
Recentemente o Parlamento de Galicia aprobaba o acceso gratuíto á sanidade para os emigrantes retornados. Unha iniciativa do BNG que foi trasladada desde a diáspora por dous xalleiros, Xosé Abelenda e Xesús Gómez. Un tema ao que seguramente se referirán no acto do sábado.
O candidato Gómez tamén participará este xoves nun mitin en Coristanco (Servizos Múltiples 21h), e o venres no que se desenvolverá na praza do concello de Carballo (20,30h), coa presenza da portavoz nacional, Ana Pontón.