O Partido Popular de Fisterra quixo denunciar que os socialistas de Fisterra “cometeron unha felonía contra a vontade maioritaria dos fisterráns”, lembrando que este partido “manifestou que non apoiaría a Alternativa dos Veciños por tratarse dunha candidatura nacida do odio e dos intereses persoais”.
“Utilizan Fisterra como moeda de cambio”
Nun comunicado queren afirmar “alto e claro” que Fisterra “non é moeda de cambio de nada”. Para os populares “non é nada novo o feito de unirse entre as forzas menos votadas para non deixar que goberne a opción preferente dos fisterráns”.
O que sí lle resulta “novedoso” á formación que lidera Luis Insua “é que utilicen ao noso Concello coma moeda de cambio con outro concello para satisfacer intereses persoais e partidistas”, en referencia ao concello de Bergondo, onde Alternativa dos Veciños respaldou á alcaldesa do PSOE.
“O cambio de hora do pleno para as 13:00 horas así o demostra (cando na inmensa parte dos Concellos é as 12:00 horas). A xogada saiulles “ben” a PSOE e Alternativa dos Veciños, pois en Bergondo gobernará o PSOE e en Fisterra, Alternativa dos Veciños”.
O PP anuncia control do goberno
De tódolos xeitos, os populares expresan a súa noraboa á nova alcaldesa, Áurea Domínguez Sisto, e anuncian que “ demostraremos que para nós representar e traballar por Fisterra é o maior dos privilexios”.
E tamén avanzan cal será o seu traballo desde a oposición: ”O PP de Fisterra seguirá ao longo destes catro anos ao servizo dos fisterráns dende a oposición. Traballaremos e controlaremos firmemente ao actual goberno para evitar que as decisións persoais se antepoñan aos intereses común dos fisterráns.