Alternativa dos Veciños de Fisterra entrou con forza na corporación municipal, liderando á esquerda ao superar tando ao PSOE como ao BNG.
E confirmou este martes que a súa candidata “presentará a súa candidatura na sesión de investidura do próximo 17 de xuño para ser elixida a nova alcaldesa de Fisterra”.
Engaden ademais que “traballaremos intensamente para que Fisterra teña, por primeira vez, unha muller á fronte da alcaldía e, tamén por primeira vez, unha alcaldesa de Alternativa dos Veciños”.
O PSOE asegurou que non pactará con Alternativa
Algo que parece improbable se temos en conta o compromiso dos socialistas de non pactar con esta formación “xa que se trata dunha candidatura nacida do odio e do resentimento de persoas expulsadas do PsdeG-PSOE”.
Polo tanto, o popular Luis Ínsua, como candidato gañador das eleccións, podería ser alcalde de Fisterra. Agora hai que agardar que chegue o 17 de xuño.
Por outra banda, nas redes sociais o BNG recoñece que “lamentablemente os resultados acadados en Fisterra non foron os que desexábamos” aínda que manifestan que continuarán “loitando”.
Nestes comicios, o Partido Popular mantivo os cinco concelleiros que acadara con José Manuel Traba en 2019, Alternativa entra na corporación con tres representantes, o PSOE do ata agora alcalde José Marcote pasa de 4 a 2 concelleiros, e o BNG perde unha acta quedando cun só edil no pleno.
Este martes o PP desmentía que fixera algunha oferta a ningunha das demais forzas políticas.