O Partido Popular de Camariñas presentou a súa candidatura cun acto na Casa de Pedra. A presentación da candidata correu a cargo de Yulisa López Canosa que definiu á aspirante á alcaldía, Paula Mouzo Más, como unha “muller creativa e tirada para adiante, amante dos retos, da iniciativa, de romper moldes”.
2,6 millóns de débeda
Presentouse a lista e interveu Paula Mouzo que criticou a xestión económica da alcaldesa socialista Sandra Insua:“Temos un concello empeñado en dous millóns seiscentos mil euros. 2,6 millóns de euros entre cinco mil veciños escasos non é un pandullo da praia do Bico, é unha pesada lousa que hipoteca aos nosos fillos e netos”.
Tamén se referiu as décadas de goberno do PSOE en Camariñas: “Non son caras novas, son os de sempre, coas mesmas siglas e coas mesmas políticas. Fillos e fillas de Pedro Sánchez e da súa nefasta xestión”.
Apoio de Rosa Quintana
Tamén se contou coa presenza da conselleira do Mar, Rosa Quintana, que expresou o seu apoio a Paula Mouzo e destacou os proxectos do seu programa electoral: “Es unha fenómena.Non me cabe ningunha dúbida que vas facer todo isto cando chegues á alcaldía”.
Tamén louvou a capacidade de traballo da candidata e as características da súa candidatura:“Paula busco a xente que está traballando, que ten a súa profesión , xente comprometida e con ilusión, e moita alegría e iso é fundamental”.