O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, puxo en valor a xestión realizada polo alcalde larachés José Manuel López Varela fronte a outras forzas políticas ás que o único que lles preocupa é que os populares non logren a maioría suficiente para poder seguir á fronte destes concellos.
“O PP só pacta cos veciños, fronte a outros que son capaces de pactar con quen faga falta para que non goberne o PP, sen importar o que necesite a xente ou o que sexa mellor para as súas concellos”, manifestou.
Neste sentido, o líder dos populares na provincia avalou o traballo realizado por José Manuel López á fronte do goberno local da Laracha durante tantos anos. “De José Manuel pouco hai que dicir, basta con botar unha ollada a como estaba o municipio antes de que chegará el e como está agora”.
Xestión seria e eficiente
Foi no acto de presentación da candidatura do PP onde o alcalde e candidato José Manuel López Varela afirmou ter a “máxima ilusión por liderar este novo proxecto do Partido Popular da Laracha”, unha responsabilidade que asume con “humildade e co orgullo de estar á fronte dun grupo de 27 homes e mulleres que combina experiencia e xuventude, no que están representadas as trece parroquias, que conta con persoas de diversos sectores profesionais e todas elas preparadas para traballar pola mellora da calidade de vida dos nosos veciños”.
López Varela puxo en valor a “seria e eficiente” xestión do PP no Concello durante os últimos anos que fai da Laracha “un lugar cada día mellor para residir, convivir, traballar e investir”, e concluíu dicindo que “temos moi claro o modelo de municipio que queremos e, o que é máis importante, demostramos que sabemos como levalo a cabo con garantía de eficacia”.
No acto tamén estivo presente o secretario provincial, Evaristo Ben.