Paula Mouzo Más é a candidata do Partido Popular a alcaldía de Camariñas. Preséntase por vez primeira cunha lista que xunta xente nova e caras expertas no municipalismo nas catro parroquias.
Paula Mouzo ten claro que o concello «non pode seguir máis anos perdendo emprego e habitantes», porque «Camariñas necesita ilusión, un novo rumbo e grandes proxectos apoiados polo sector privado e as administracións. O Partido Popular pode e quere transformar Camariñas». Paula Mouzo cre que sopran ventos a favor dun cambio político no país e quere sumar Camariñas a ese novo rumbo e acabar «coa inercia negativa dun PSOE desnortado como polo sen cabeza».
P- O PP é moi crítico coa situación económica do Concello. Que cambios propón na administración local?
R- Estamos en contra do uso partidista dos recursos e do emprego público, de vender servizos por favores, da inseguridade xurídica e económica das adxudicacións, da tardanza ou falta de garantía da cobranza de obras e servizos. Unha xestión orzamentaria rigorosa e eficiente debe acabar co gasto improductivo, e a débeda que hipoteca aos nosos fillos e netos. Dous millóns seiscentos mil euros de débeda ten o concello socialista de Camariñas. É necesaria a estabilidade e sustentabilidade financeiras; a exención tributaria e a redución de impostos. Menos tributos, menos gastos innecesarios. Impulsaremos a axilización dos trámites administrativos buscando eficiencia e apertura aos veciños. Eliminar a cita previa obrigatoria, establecer vías preferentes para os maiores ou evitar duplicidades serán algúns dos nosos obxectivos. Débese apostar pola xestión de servizos compartida con outras administracións ou mancomunada con outros concellos.
P- Ten algún plan de apoio empresarial?
R- Impulsaremos unha política industrial e empresarial coherente coa nosa política fiscal e reduciremos as trabas burocráticas para axilizar as autorizacións administrativas, especialmente nos controis previos. Co uso da declaración responsable como sistema alternativo á licenza para facilitar a apertura de negocios. Colaboraremos na urbanización e posta en marcha do polígono empresarial porteño onde o concello disporá de solo para futuros plans; o uso das áreas de repartición urbanizable dos nosos pobos é outro punto do programa. Temos empresas punteiras do mar que hai que apoiar, promocionando os seus produtos.
P- O mar é fundamental para Camariñas?
R- Defenderemos os intereses do noso sector pesqueiro, reducindo o impacto nos custos que actualmente poñen en risco a súa supervivencia e apostando polos investimentos portuarios que sempre impulsamos onde gobernamos. Apoiando ás confrarías nas súas demandas ás administracións e na supervivencia dunha forma de vida ligada ao mar atacada pola esquerda e o falso proteccionismo. Pero tamén apoiaremos a agrupación dos agricultores, unificando esforzos na prestación de servizos comúns e capacidade de produción. Apoiaremos a xestión responsable dos montes cun plan piloto de concentración parcelaria forestal ou o fomento das agrupacións de xestión conxunta.
P- O patrimonio e a natureza son outros distintivos locais. O encaixe?
R- Camariñas conta cun patrimonio cultural e ambiental que conservaremos, daremos a coñecer e poñeremos en valor; destacando a protección dese tesouro que é a artesanía das nosas palilleiras. A Mostra do Encaixe necesita cambios e unha decidida aposta pola comercialización e a defensa da marca Camariñas como gran referente do encaixe nacional. A Rede Natura, a Vía Céltica ou o roteiro xacobeo mariño, o Camiño dos Faros, o Roteiro dous Muiños nas Barrosas e os demáis roteiros de sendeirismo necesitan apoio e divulgación. Tamén é necesario apostar polo patrimonio marítimo e a arqueoloxía subacuática ou os castros como o da Croa de Buría. O apoio ás comisións de festas tradicionais e ao asociacionismo e outro punto básico do programa.
P- O turismo é un sector que desponta?
R- O turismo pode ser un forte valor de Camariñas, compatible coa sustentabilidade dos recursos ambientais e será un piar da nosa política. Turismo e comercio van da man, por iso fomentaremos a formación turística na hostalería e o comercio, as campañas de promoción e a captación de operadores turísticos, a creación de áreas de autocaravanas.
A posta en valor con apoio privado do faro, a lonxa vella, o castelo. Temos un completo Plan Municipal de Turismo Activo que inclúe o Proxecto Man de Camelle nunha carpeta, para encher o pobo do espírito e a arte de Man, por suposto coa restauración da súa casa museo como demandan os veciñose a familia. A bandeira azul da praia de Arou será a punta de lanza da revalorización do resto de areais, da nosa cara mariña e os nosos portos pesqueiros: Camariñas, Camelle, Arou, Santa Mariña.
P- Os pobos envellecen e medra o gasto nos servicios sociais.
R- Promoveremos proxectos de prevención e detección de violencia contra as mulleres, maiores e adolescentes. A mellora dos servizos sociais e a dotación de servizos xeriátricos, con motivacións aos profesionais.
Entre os máis novos reforzaremos a loita contra o ciberacoso e a violencia dixital con campañas de sensibilización e formación. Temos que ir da man co resto da administracións neste campo e non escatimar gastos, mellorando as retribucións das traballladoras.
P- Vostede á unha deportista activa, que xoga ao fútbol. Que leva na programación deportiva?
R- Consideramos que o deporte é unha ferramenta de inclusión social e educación en valores, ademais dunha fonte de saúde, polo que investiremos en infraestruturas, equipamentos e programas, aproveitando terreos municipais para equipamento deportivo.
O fútbol e o balonmán teñen equipos cunha forte tradición que necesitan maior colaboración, pero ademais apostaremos pola promoción do deporte feminino, o uso do ximnasio, os deportes náuticos e as escolas de base, unha canle de augas bravas nas Barrosas. A nivel persoal teño ilusión polo noso equipo de fútbol feminino, ogallá sexa un exemplo para moitas nenas.
P- As obras son a gran demanda dos veciños, ainda que as posibilidades municipais son curtas sen apoios da Xunta, Deputación, Goberno incluso?
R- En canto a obras o PP conta cun plan xeral de traballo en distintos departamentos e varios programas específicos, ademais dunha lista de melloras e necesidades por parroquias. Moitas son demandas veciñais e outras ideas que forman parte dun conxunto para crear unha marca de concello con clara esencia mariñeira.
En Camariñas podo citar o paseo marítimo e a dragaxe da dársena. O embelecemento da fachada marítima, unha escola taller de hostalería e o ximnasio, un punto limpo tan demandado.
En Ponte do Porto a segunda fase do paso marítimo e o paseo fluvial da Xunqueira, unha casa de cultura, a restauración da ponte medieval tan maltratada, a reforma do parque infantil, os accesos ao campo de fútbol e os viais de Dor, Allo, Xarás, A Grixa.
En Camelle o Proxecto Man abarca facetas variadas nunha carpeta de seu, e engadimos o uso funcional da Casa de Cultura e a Casa do Mar.
En Camelle e Arou debemos apostar por unha nova urbanización.
En Xaviña: a rede de saneamento e depuración de augas, a pista do Ariño, o paseo fluvial, o xoguete roto de Aldea Madeira. E sí; necesitamos a Xunta, a Deputación e o Goberno. E os tres este ano van estar gobernados polo PP se temos o apoio dos votantes e segue esta tendencia, esta ansia social de cambio.