O BNG ven de presentar no Parlamento galego distintas iniciativas encamiñadas a demandar a paralización dos proxectos de parques eólicos previstos na comarca do Xallas.
En concreto, esixen a avaliación do impacto na saúde e na economía dos «nove proxectados en Santa Comba que suporán, ao noso ver, grandes prexuízos para a vida e a saúde da veciñanza», sinala o candidato nacionalista, Juan Sixto.
Anuncian a presentación , a través da deputada nacionalista Iria Carreira e o deputado Luís Bará, de catro iniciativas para demandar a súa paralización cautelar.
Alvite II
Un dos proxectos que máis preocupa é o Alvite II, impulsado por Green Capital Power S.L. e que afectaría aos concellos de Mazaricos, Negreira e, en concreto, ao lugar de Barbeira, na parroquia de Fontecada de Santa Comba.
Para Juan Sixto, está claro que os aeroxeradores que compoñen este proxecto son unha clara ameaza para o modo de vida da veciñanza, para a saúde e tamén para o sector agrogandeiro xa que un deles está proxectado a menos de 500 metros dunha granxa de vacún co que afectaría seriamente ao benestar dos animais.
O BNG de Santa Comba alerta tamén do impacto que a instalación tería ao aproveitamento cultural e paisaxístico do territorio xa que afectaría ao camiño entre Santiago de Compostela e Fisterra, ademais de a importante patrimonio natural e etnográfico aínda sen catalogar.
«Queremos que se poña negro sobre branco o impacto da construción e instalación dos parques ademais das liñas de evacuación e as infraestruturas que se precisen», sinala Juan Sixto.
Mobilización en Compostela
Neste sentido, Sixto animou á participación na mobilización convocada Coordinadora Eólica Así Non o vindeiro domingo 23 de abril rodeando o edificio da Xunta en Santiago de Compostela, coincidindo coa data límite para a autorización previa dos proxectos eólicos que contan con Declaración de Impacto Ambiental positivo.
Juan Sixto na Trencha
Este venres a nosa plataforma de contidos divulgaba unha entrevista co candidato do BNG á alcaldía de Santa Comba