A cabeza de lista do Partido Socialista pola provincia da Coruña asegurou que “damos o cambio por seguro” e que confía que finalmente “o próximo presidente sexa Besteiro”.
Patricia Iglesias Rey declarou que “non nós fiamos das enquisas “ e que nesta última semana “deixarémonos a pel” na campaña electoral.
O “illamento” do BNG
Nunha entrevista no programa “Na Encrucillada” de Radio Xallas, defendeu a “capacidade de xestión” de Gómez Besteiro, as “políticas progresistas” de Pedro Sánchez e considera que o “nacionalismo soberanista” non é a mellor opción para Galicia.
“O illamento que se defende desde o BNG non vai ser beneficioso para Galicia” sentenciou Iglesias.
Recriminou que tanto PP como BNG “votaron en contra da revalorización das pensións”.
“Xestión nefasta do PP”
“Temos que mudar a nefasta xestión da Xunta e a súa rede clientelar. Unha xestión baseada na incompetencia e na inacción” dixo a candidata socialista.
Segundo ela, os socialistas defenden “un proxecto transparente e a recuperación dos servizos públicos que están nun estado de colapso” cun “plan de rescate da sanidade pública centrado na atención primaria”.
Na súa intervención en Radio Xallas, Patricia Iglesias referiuse tamén ao emprego de calidade, a transformación de produtos do sector primario como o leite ou ao aproveitamento dos fondos europeos.
Puxo en valor a necesidade de apostar polas enerxías renovables, sempre que respecten o medio ambiente e ós propietarios, mentres “algúns están detrás da pancartas de Eólicos Non”.
Insiste que “a papeleta socialista é a única que garante un proxecto de futuro para Galicia”.