O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Xosé Ramón Gómez Besteiro participou nun mitin en Camariñas no que pediu o voto para “saldar as débedas da Xunta coa Costa da Morte” e “sacar aos mentirosos da Xunta”.
Un dos compromisos de Besteiro é o da autovía:“Feijóo e Rueda estiveron moitos anos tomando o pelo aos veciños e veciñas desta comarca coa Autovía da Costa da Morte, deixando a este territorio con infraestruturas do século pasado”.
Tamén criticou as deficiencias na cobertura sanitaria e comprometeuse a recuperar os servizos de pediatría a xornada completa, a implantación dun servizo de Cardioloxía no Hospital Comarcal Virxe da Xunqueira de Cee e a construción dun novo centro de saúde en Fisterra. Dixo que se goberna mellorará o transporte público.
A candidata número un pola Coruña, Patricia Iglesias, remarcou “que o PSOE é un partido profundamente feminista” e que “este 18 de febreiro as mulleres xogámonos moito”. Por elo, emprazou a “todas as mulleres galegas, traballadoras, loitadoras, saímos a votar polo cambio, Besteiro será presidente da Xunta de Galicia”, remarcou.
No mitin de Camariñas falou tamén a alcaldesa, Sandra Insua que criticou “a discriminación que sofre o concello” por parte do Partido Popular.
O candidato número 6 e concelleiro camariñán, Fabián Canosa, referiuse os problemas do sector marisqueiro: “Levamos tres anos sen berberecho nas nosas praias e a Xunta de Galicia non fai nada por axudar á nosa xente”.