O Partido Galego non se presentará ás eleccións autonómicas. Así o comunicaron Oscar Pazos e Suso Ares, membros da dirección nacional, despois do Consello Nacional celebrado en Carballo.
Aseguran que “priorizan” Galicia por enriba dos intereses do partido xa que “a presentación a estas eleccións, tería un resultado por baixo de ter representación no Parlamento, e por conseguinte unha aposta sen utilidade para o conxunto de Galicia.
“Queremos deixar o camiño despexado totalmente e se non hai cambio de goberno por uns miles de votos, que non poidan apuntar a nosa participación” explican nun comunicado de prensa.
Anuncian un Congreso en abril e a constitución, xa concretada, de tres agrupacións en Carballo, O Grove e Brión.
Partido Galego de Carballo
Precisamente esta mesma xornada tiña lugar a presentación da Agrupación de Carballo, que conta con Luis Bardanca como portavoz e con Sergio Gundín como secretario que denunciaron o “abandono palpable polo actual goberno de Carballo, na desatención sobre a reparación das estradas municipais, a limpeza das cunetas, ampliación de estradas, atención á veciñanza en xeral na falta de atención as xustas demandas”.