O Xallas Femenino encara o comezo da nova tempada coa consolidación da súa estrutura base e a incorporación de novos efectivos no seu equipo filial e na categoría infantil.
Así o confirmaron o segundo adestrador do Xallas A, José Antonio Facal; o novo adestrador do equipo B, Anxo Romero; e a xogadora Laura García nunha entrevista concedida en Radio Xallas.
Toñín:”É un orgullo a canteira femenina”
A entidade deportiva destaca o crecemento da canteira feminina coa creación do novo equipo infantil, o que permite completar a cadea de formación no club. Facal sinalou que «é un orgullo ter tanta canteira feminina», subliñando ademais a evolución das xogadoras do segundo equipo que deron o salto ao primeiro plantel durante o último curso.
Con respecto ao Xallas A, agarda realizar unha boa tempada un ano máis na Primeira División Galega, que estrea un sistema de grupos. Despois de sumar unha vitoria, un empate e unha derrota, Facal espera «sumar en todos os partidos desta fase». Ilusión non lles falta ás pupilas de Eloy García, un técnico que étoda unha garantía no timón do club.

Anxo: “Necesitaba novos proxectos”
Pola súa banda, Anxo Romero asume a dirección do Xallas B tras a súa chegada ao club este verán. Sobre o seu salto á bancada do filial, o técnico explicou que «sentía que necesitaba novos proxectos». Na súa análise sobre o traballo previo ao inicio da competición oficial, Romero indicou que «a pretempada empezou sendo algo complicada, pero co esforzo das rapazas pouco a pouco estamos conseguindo mellorar en moitos aspectos».
O preparador do filial fixou como prioridade a aprendizaxe e a actitude do grupo por riba dos resultados inmediatos, afirmando que o «obxectivo é que as rapazas aprendan». A estrea do equipo B terá lugar no campo de Fontenla ante o Dubra este vindeiro domingo ás 17:00 h.
Buscando a motivación
Na mesma liña, a xogadora e encargada das redes sociais da sección feminina, Laura García, valorou como o máis gratificante contribuír na formación das máis novas e «axudar ás rapazas a seguir e que se motiven a xogar ao fútbol».
De cara aos obxectivos deportivos da tempada no grupo B, a futbolista fixou a meta de mellorar os rexistros do ano anterior, sinalando que «o meu obxectivo é quedar bastante mellor que o ano pasado, polo menos na metade da táboa”.



