A S.D. Castriz empatou no seu debut ligueiro en San Pedro. Saíron os futbolistas cunha presión alta e no minuto 12 puideron adiantarse cunha pena máxima cometida sobre Carlos Rieiro e transformada por Adrián García.
Tivo ocasións para aumentar a renda o equipo local cunha boa acción de Fabio que rematou Adrián e saíu rozando o poste.
O Castriz acabou retrocedendo, pero despois de que se sinalase un penalti moi discutido, emerxiu a figura do porteiro Coke, que desbaratou de xeito “espectacular” o lanzamento rival.
Intervencións salvadoras de Coke
No segundo tempo, e de penalti, empatou o Calo. Despois houbo reparto de ocasións. O Castriz tivo unha ocasión moi clara cun remate de Brais que bateu no pau. Juanjo anotou un gol que foi anulado e, nos compases finais, Coke volveu salvar ao club cun paradón que evitou un tanto do visitante Mella. O cancerbeiro xalleiro xa resolvera con solvencia un man a man no primeiro tempo.
O adestrador José Barca pensa que se acadou “un empate xusto” contra un Calo “que creo que vai estar na parte alta da táboa, por plantel e por calidade”.
Barca agarda facer “bo” este punto a vindeira semana, na que previsiblemente se xogará de novo en San Pedro coincidindo coas festas das Dores. O rival será o Queixas, que vén de gañar ao Tordoia e ao San Lorenzo


