O adestrador da S.D. Castriz, José Barca, afronta unha nova tempada co obxectivo de consolidar ao equipo na categoría despois de que a pasada campaña rematase cun final de vertixe. «A idea foi empezar cunha preparación moito máis completa para que o club sexa capaz de establecerse na categoría e que teñamos unha tempada máis tranquila», explicou o técnico, que recoñeceu que o curso anterior «sufrimos bastante, case ata o final».
«Entre todos temos que sacar isto adiante»
A pretemporada, segundo detallou Barca, incluíu 13 sesións de adestramento e preto de oito partidos amistosos disputados desde finais de xullo. «Facendo probas tivemos varios golpes duros», lamentou o adestrador, en referencia ás baixas de tres xogadores chamados a ter protagonismo: Josiño que debe volver operarse da man; Chapela, que estará fóra «un par de meses»; e Douglas, que arrastra un problema de pubis. Con todo, o técnico quixo poñer en valor a profundidade da plantilla: «Somos vinte e catro os que formamos agora a plantilla, entre todos temos que sacar isto adiante».
No apartado de incorporacións, o club reforzou especialmente as bandas e a defensa. Chegaron Dani Pena, Douglas, Fabián, Fran Landeira, Stefan e Sergio Lois. «Vén compensar que a tempada pasada tiñamos pouca xente nas zonas exteriores de ataque», apuntou Barca sobre as novas caras.
Entrevista de José Barca en Radio Xallas
Un arranque ligueiro moi esixente
O técnico destacou tamén a importancia da pretemporada de cara ao arranque liguero, que definiu como «moi esixente». As primeiras cinco xornadas enfrontarán ao Castriz con varios dos aspirantes ao ascenso, entre eles o Muxía e o Calo, ademais dun grupo que este ano incorpora a equipos coruñeses tras a reestruturación dos grupos. «Este ano pinta que vai ser unha tempada máis complicada e igualada que a pasada», advertiu Barca, quen pediu paciencia para ese primeiro bloque de encontros.
Malia recoñecer as baixas, o adestrador amosouse confiado no traballo físico e táctico realizado durante o verán, cun índice de asistencia aos adestramentos «dun 90% da plantilla» pese ao mes de agosto. «Se a nivel físico non traballas ben a pretemporada, sabes que o vas arrastrar durante todo o ano», concluíu Barca, que estreará equipo esta fin de semana coa vista posta en manter ao Castriz lonxe dos postos de descenso desde o inicio. O primeiro rival é o Praíña, a domicilio.


