Nando Baña anima á veciñanza a asistir á exhibición de taekwondo deste sábado en Santa Comba

O presidente da Asociación de Taekwondo In Nae Santa Comba, Nando Baña, participou no programa de radio “Na Encrucillada” de Radio Xallas para presentar a exhibición de fin de curso que se celebrará este sábado 13 de xuño, no pavillón de Fontenla (desde as 11,00h) e para facer balance da situación actual desta disciplina no municipio.

Durante a entrevista, explicou que a exhibición constitúe un dos momentos máis esperados do ano para o alumnado. “É algo moi importante para os rapaces”, sinalou ao lembrar unha tradición que se mantén desde os primeiros anos das escolas deportivas locais.

O responsable do club destacou tamén a importancia do apoio familiar na traxectoria dos deportistas. Referíndose á súa propia experiencia, afirmou que os seus pais foron fundamentais para poder competir e desprazarse aos campionatos. “Sempre estarei eternamente agradecido”, indicou.

Na actualidade, a asociación conta con arredor de corenta practicantes de diferentes idades. O tamén adestrador considera que manter esa cifra é un resultado positivo tendo en conta a competencia doutras actividades deportivas e o carácter minoritario do taekwondo.

Subvención do concello de Santa Comba

Outro dos asuntos abordados foi a falta de subvención municipal para a entidade durante o presente exercicio. O adestrador mostrou a súa preocupación pola ausencia de explicacións claras sobre os motivos da denegación da axuda.

Segundo relatou, a tramitación realizouse do mesmo xeito que en anos anteriores e coa colaboración habitual dos servizos municipais. A situación, segundo indicou, dificultou a participación dos deportistas en competicións e actividades ao non poder afrontar determinados gastos.

Instalacións precarias desde hai anos

A maiores, explicou que o taekwondo afronta periodicamente novos custos derivados da renovación dos sistemas electrónicos empregados nas competicións oficiais. Estes cambios obrigan aos clubs e ás familias a adquirir novo material homologado para poder seguir participando.

Baña tamén fixo referencia ás instalacións que utiliza a asociación. Segundo expuxo, continúan existindo problemas relacionados coa entrada de auga e coa humidade nas instalacións, unha situación que, segundo indicou, prolóngase desde hai máis de cinco anos.

Os valores do taekwondo

No plano deportivo, defendeu os valores que transmite esta práctica. “A min ensinoume un montón de orde, disciplina e respecto”, afirmou. Tamén destacou que o taekwondo pode practicarse a calquera idade e que existen grupos adaptados para distintos niveis.

Sobre a exhibición deste sábado, explicou que contará coa participación dos alumnos de Santa Comba, así como do concello de Mazaricos e do CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba.Finalmente, realizou un chamamento á asistencia do público. “Queremos ver a todo mundo alí o sábado na exhibición de taekwondo”, concluíu.

Cartel da actividade

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,260SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos