O adestrador do Xallas FC, Bruno Prego Cancela, fixo balance da tempada, antes do inicio da fase de ascenso a Primeira Autonómica e destacou o traballo realizado polo equipo ao longo do curso, que rematou cun segundo posto e coa clasificación para a promoción.
Nunha entrevista en Radio Xallas, o técnico definiu a campaña como “moi positiva” e “cunha liña ascendente e creo que “o que se está a facer é realmente difícil”. Bruno lembrou a igualdade existente na Liga da Costa e sinalou que “todos os equipos de arriba tiñan moitas derrotas”.
O adestrador recoñeceu que o equipo chegou ás últimas xornadas con opcións reais de conquistar o campionato. “Eu sempre estiven convencido de que podían pasar cousas”, afirmou, tras lembrar que o conxunto chegou a estar a sete puntos do liderado durante a temporada. Aínda así, incidiu en que o feito de disputar a fase de ascenso “é unha cousa moi positiva, é un logro moi grande para este equipo”.
Sobre o estado do vestiario, explicou que os xogadores afrontan a eliminatoria “coa máxima ilusión” e que son conscientes do que representa o posible ascenso para a entidade e para o presidente do club, Sergio Prego “Doro”. “O vello é o que u merece máis que nadie”, comentou ao referirse á motivación do grupo por poder completar a homenaxe que terá O Tigre de Bazar.
Un equipo con xente de Santa Comba
Bruno tamén destacou o papel da afección e do sentimento de pertenza do plantel. “Somos o equipo do pobo, con xente da casa formada no fútbol base”, indicou ao final da entrevista, onde tamén apelou ao apoio da contorna para afrontar a promoción.
En relación coa eliminatoria, o técnico advertiu da dificultade do rival, un quinto clasificado da Liga da Coruña. “Creo que vai ser francamente difícil”, afirmou. Tamén explicou que o corpo técnico xa analiza vídeos e información para preparar os encontros e intentar “contrarrestar as súas virtudes”. O rival será o Suevos.
Finalmente, o técnico insistiu na motivación coa que o equipo encara este tramo decisivo da temporada. “Imos a afrontar esta fase de ascenso coa máxima ilusión posible, coa máxima forza e coas máximas ganas”, concluíu.

