O compromiso coa audiencia de Radio Xallas —a esa hora estaba emitindo en directo— fíxome imposible poder estar nese acto de tanta emotividade e xustiza.
Sergio Prego “Doro” é unha boa persoa, un gran futbolista e un excelente deportista, porque, aparte dunha meritoria traxectoria nos campos de fútbol, leva anos transmitindo os valores do deporte alá onde vai. Tamén é un xalleiro comprometido.
Motivos máis que suficientes para renderlle unha homenaxe. Isto non resta méritos ás persoas que impulsaron este acto, que se desenvolverá o 27 de xuño en Fontenla cun partido entre un combinado de veteranos do Xallas e as “Leyendas del Real Madrid”.
Para min, “Doro” é un símbolo e un exemplo. Era o ano 2000 cando empecei cun programa deportivo na COPE Noroeste de Carballo. Desde entón, “O Tigre de Bazar” —así o bauticei un día de fervor radiofónico— xa formou parte da miña constelación de protagonistas: crónicas, comentarios e entrevistas.
Aquel ano, O Tigre estaba na Terceira División xogando no Malpica. Hoxe milita no Xallas FC, onde cada domingo dá unha lección de compromiso e fútbol, despois de asumir un reto moi fermoso nesta histórica entidade.
Unha folla de servizos estupenda. E unha historia que merece unha homenaxe, pero que non remata aquí, porque o Tigre de Bazar segue ruxindo. Parabéns, Doro!!


