Bryan García e Yago Facal: «Somos un grupo de amigos loitando por algo histórico»
O Xallas FC continúa firme na loita polo título cando apenas restan dúas xornadas para o remate da Liga da Costa. Dous dos seus xogadores, Bryan García e Yago Facal, amosaron nunha entrevista en Radio Xallas o bo ambiente que se vive no vestiario e a ilusión dun grupo que soña con levantar o título ligueiro.
Tras a última vitoria no Fontenla, ambos coincidiron en destacar o control do encontro e a importancia do segundo gol para afrontar con máis tranquilidade o tramo final do partido.
Os dous futbolistas puxeron en valor a unión do grupo, formado maioritariamente por xogadores da casa e amigos desde pequenos. “Somos todos amigos, vémonos toda a semana e iso é moi bonito”, sinalou Yago Facal, quen destacou tamén o mérito de estar competindo polo liderado “cun grupo de rapaces novos”.
Entrevista en Radio Xallas
Na mesma liña, Bryan García asegurou que “o ambiente no vestiario é inmellorable” e que o equipo afronta cada adestramento “con seriedade, pero tamén con alegría”.
Sobre o obxectivo da tempada, ambos admitiron que o ascenso é xa a gran meta do equipo. “Ao principio quizais non se falaba de gañar a liga, pero unha vez que estás arriba queres quedar aí”, comentou Yago. Bryan foi máis contundente: “Agora no vestiario sabemos que podemos gañar a liga e non nos vale outra cousa”.

Os xogadores do Xallas tamén advertiron da dificultade da competición, cunha igualdade máxima tanto na zona alta como na baixa da táboa. “Cada campo é complicado e calquera equipo che pode quitar puntos”, apuntou Bryan, mentres que Yago destacou que “ninguén vai regalar nada neste final de liga”.
Con dous partidos decisivos por diante, o equipo de Santa Comba depende de si mesmo para lograr o ascenso. Tanto Bryan García como Yago Facal fixeron un chamamento á afección para acompañar ao equipo neste tramo final dunha tempada que pode rematar cunha celebración histórica no Fontenla. Pero antes da última xornada queda a desta fin de semana con tres saídas dos aspirantes o título. O San Lorenzo visita Outes, o Baio Cabana e o Xallas xogará no Novo Cubeleiro de Corcubión. Todos o domingo.


