A Liga da Costa entra na súa fase decisiva con tres xornadas por disputarse e todo por decidir. Nove puntos en xogo e unha fin de semana que pode resultar clave na loita polo título, as prazas de promoción e tamén pola permanencia.
O Xallas FC mantense como líder con dous puntos de vantaxe sobre o San Lorenzo e catro respecto a Baio e Porteño, que tamén seguen con opcións reais.
Nesta xornada, o conxunto xalleiro recibe no campo da Fontenla ao Outes, quinto clasificado e a seis puntos da promoción. Os locais buscarán dar un paso máis cara ao título, mentres que os visitantes intentarán manter vivas as súas opcións matemáticas.
Un dos partidos máis destacados xogarase no Platas Reinoso, onde Baio e Porteño protagonizarán un duelo directo na zona alta. Pola súa banda, o segundo clasificado, o San Lorenzo, visitará A Pedra Queimada para enfrontarse ao Malpica nun encontro tamén decisivo.
Na parte baixa da clasificación, Mazaricos e Sporting Zas apuran as súas opcións de permanencia. O Mazaricos é último con 27 puntos e o Zas suma 28, pero ambos equipos aínda manteñen opcións de achegarse a outros rivais, polo que loitarán ata o final.
A emoción está garantida nunha xornada que pode marcar o rumbo definitivo da competición.

Próxima xornada (domingo, 3 de maio)
- C.D. Muros – Corme C.F. (19:00)
- Sofán S.D. “B” – Sporting Zas (18:00)
- Soneira S.D. – U.D. Corcubión (17:00)
- Xallas F.C. – Outes F.C. (17:00)
- S.D. San Lorenzo – S.C.D. Malpica (17:30)
- Mazaricos C.F. – Cabana S.D. (16:30)
- C.D. Baio – C.F. Porteño (17:00)
- Ponteceso S.D. – U.D. Monte Louro (17:00)


