A atleta Aitana Capeáns, veciña do Concello da Baña, repasou nunha entrevista en Radio Xallas a súa traxectoria deportiva, os retos da tempada e o recoñecemento recibido recentemente nos Premios do Deporte da Deputación, nun momento clave da súa carreira.
Capeans explicou que a súa chegada ao lanzamento de peso foi casual tras deixar a ximnasia rítmica durante a pandemia. “Pois foi algo super espontáneo”, indicou, lembrando como comezou a adestrar en Negreira tras probar o atletismo nunha xornada de portas abertas. Desde entón, o deporte converteuse nunha parte esencial da súa vida. “ Foi de repente, e agora é unha parte da miña vida”, afirmou.
Entrevista en Radio Xallas
A deportista destacou tamén o recoñecemento institucional recibido nun acto da Deputación, onde foi distinguida polos seus resultados. “A verdade é que é unha chulada, non me esperaba poder chegar hasta aí”, sinalou, facendo referencia á experiencia e ao contacto con representantes institucionais coa presenza dos alcaldes da Baña, Negreira ou Santa Comba. Neste sentido, subliñou a importancia de dar visibilidade a disciplinas menos mediáticas: “non é un deporte que estea moi descoberto por a sociedade en sí”.

Un ano con retos importantes para Aitana Capeáns
No plano competitivo, Capeans afronta unha tempada esixente con presenza en citas nacionais e internacionais. “Temos dous encontros internacionais. Temos un campionato europeo e uns Xogos Olímpicos da Xuventude”, explicou, situando estes eventos como principais obxectivos deportivos.A atleta recoñeceu que a competición require tamén unha importante xestión mental, especialmente en momentos de presión.
No día a día, Capeans compaxina a actividade deportiva cos estudos, cunha rutina marcada por dobres sesións de adestramento. “Compaxinamos os estudios máis o adestramento”, sinalou, destacando a esixencia dunha planificación constante.
Ademais, puxo en valor o nivel do lanzamento en Galicia, ao considerar que se trata dunha das comunidades con mellores resultados a nivel estatal. “Creo que aquí en Galicia temos, en xeral, dos mellores resultados a nivel España”, afirmou.
Finalmente, Capeans animou á mocidade a iniciarse no deporte e a probar distintas disciplinas. “Que proben un montón de deportes. Nunca sabes cal vai ser o que a ti máis te guste”, concluíu.


