O presidente e xogador do Xallas FC, Sergio Prego “Doro”, analizou en Radio Xallas o momento do equipo na Liga da Costa, nun tramo decisivo da tempada no que o conxunto xalleiro segue na loita polos postos de arriba.
No plano persoal, Doro recoñeceu que vén de sufrir unha pequena lesión muscular: “Sofrín unha pequena rotura de fibras, pero estou con ganas como sempre. Mentres aporte, imos intentar achegar o meu gran de area ”. O veterano futbolista insiste en que todo depende do propio grupo: “Estamos aí arriba e todo depende de nós”.
Entrevista a Doro en Radio Xallas
Con dez xornadas por diante, o presidente subliña a necesidade de dar un paso máis: “O único que lles pido aos rapaces é que nestes últimos partidos dean un pasiño adiante, un pouquiño máis de ganas e de compromiso”. Nunha liga que cualifica de moi igualada, lembra que “perdes con calquera e gañas a calquera”, polo que cada detalle conta.
A experiencia do pasado curso segue moi presente no vestiario. “O ano pasado quedamos fóra do ‘playoff’ por goles. Non sería bonito outra vez quedar apartados por un punto ou por goles”, advertiu, destacando que “calquera puntiño que saques pode ser decisivo”.
Sobre o nivel competitivo da categoría, Doro foi claro: “Necesitamos estar ao 90 ou 100% en cada partido. Ao 60 ou 70 non dá para competir con este tipo de equipos”. Tamén pediu maior fortaleza como locais: “Na casa gustaríame que fósemos un pouquiño máis fortes e que se vise realmente que queremos estar aí arriba”.

En canto aos rivais, recoñeceu a igualdade existente e a dificultade dos enfrontamentos directos que veñen: “Cada partido vai ser para loitar, porque todos nos estamos xogando algo”.
Finalmente, Doro non ocultou a súa ilusión por culminar o proxecto deportivo iniciado tras o descenso de categoría: “Non habería cousa máis bonita que conseguir con eles dous títulos ou dous ascensos e deixar o equipo en Primeira Autonómica”. E concluíu cun compromiso persoal: “Mentres a cabeza me dea para competir, intentarei axudar no que poida”.
O Xallas afronta agora un calendario esixente que pode marcar o desenlace dunha Liga da Costa que, a falta de dez partidos, segue máis aberta ca nunca.
Este vindeiro domingo o Xallas visita o líder San Lorenzo, logo xogará na Fontenla, nun derbi comarcal, contra o Mazaricos e posteriormente o rival será o C.D. Baio.

