O Grupo Municipal Socialista de Muxía, encabezado polo seu portavoz Iago Toba, solicitou publicamente ao goberno local que reconsidere a súa decisión de reducir a subvención nominativa destinada ao Club de Fútbol Muxía. Segundo denuncian os socialistas, o recorte foi detectado na documentación económica municipal e supón unha diminución superior ao 20% respecto aos anos anteriores.
O PSdeG de Muxía cualifica o recorte como “drástico” e asegura que foi comunicado á directiva do club de forma pouco transparente. Segundo explican, a directiva non foi informada inicialmente e, tras solicitar explicacións, mantiveron unha reunión coa tenente de alcalde e concelleira de Deportes, Sandra Vilela. Nesta xuntanza, segundo a versión dos socialistas, confirmouse a redución da subvención, pero tamén se lles facilitou unha cifra que, afirman, non se corresponde coa realidade.
Durante o último pleno municipal, o portavoz socialista instou ao alcalde Javier Sar a rectificar e impoñerse ao criterio da concelleira de Deportes para garantir a continuidade do apoio económico que viña recibindo o club durante anteriores mandatos. Para os socialistas, este recorte “pon en risco o funcionamento normal da entidade deportiva máis importante do concello”, tanto polo número de socios como de xogadores e xogadoras que agrupa.
O PSOE pide unha rectificación
O grupo socialista rexistrará nos próximos días unha solicitude formal no rexistro do concello para pedir a rectificación do recorte e sinala que o apoio do goberno local ao club debe ir máis alá das palabras e recoñecementos públicos.
Por último, denuncian o que consideran unha actitude “cómplice” por parte do BNG, ao que consideran «integrante do goberno tripartito xunto ao PP e os Independentes», e atribúen a responsabilidade desta situación ao alcalde Javier Sar, a tenente de alcalde Sandra Vilela e á concelleira Mercedes Barrientos.