Víctor Pazos Recarey é o director deportivo da S.D. Compostela.
Unha lesión afastouno dos terreos de xogo con 24 anos e buscou “como apagar o mono” formándose como adestrador na escola oficial e iniciando esta faceta no desaparecido Alcaián de Coristanco.
Non tardou en ter claro que “gústame adestrar pero máis a xestión de grupos, as fichaxes, todo o que rodea ao futbolista. Son máis de despacho que de estar no verde”.
“O Compostela é un moi bo sitio para crecer”
Logo de continuar coa súa formación xurdiu a oportunidade: “O Compostela é un moi bo sitio para crecer”.
E aí está este veciño de Santa Comba, coa súa faceta de “fichar xogadores e organizar o día a día do club”. Uns conceptos moi amplos que implican a xestión dos grupos, das categorías de base e informes e seguimentos de xogadores para cando se abren os mercados “poder ir a tiro fixo”.
Tamén hai que ver a evolución e adaptación dos xogadores: “Non é o mesmo un xogador do norte que un que veña do sur e veña vivir a Santiago, onde chove tantos días e se por riba non xoga todo o que quere…”
“Gústame ir a oficina todos os días”
Un director deportivo ten que ter esa habilidade. Tamén para as lesións. E aínda que ten colaboradores hai que ver moitos partidos.
“Gústame ir a oficina todos os días” comentou Víctor Pazos nunha entrevista en Radio Xallas, nuns días de potente actividade polo mercado invernal. Sempre atento ao teléfono móbil.
A SD Compostela milita na Segunda RFEF. Pazos destaca o traballo realizado na base e as boas perspectivas tamén do primeiro equipo, unha entidade cunha historia importante que aspira a seguir subindo chanzos na estrutura deportiva estatal. E na dirección, un xalleiro apaixonado polo fútbol e amante do seu traballo, Víctor Pazos.