Borja Gándara foi un dos grandes reforzos dun Castriz que está dando a cara na Primeira Autonómica. O futbolista de Rial é prudente: “Quedan 15 puntos para conseguir o obxectivo e despois a disfrutar”.
E apunta cara o cambio de ano:“Sabemos como son as segundas voltas. No Nadal hai que facer unha pretempada e para iso hai que adestrar”.
Pero recoñece que o equipo ten potencial e que a estas alturas da competición podería ter algún punto máis: “Por cousas nosas e situacións concretas, fóronse varios puntos”.
A vindeira fin de semana visita San Pedro o líder invicto da categoría, o Club do Mar de Caión.
«Temos un equipo que lle compite a calquera»
“Temos un equipo que lle compite a calquera. E penso que é un bo momento para xogar contra o Club do Mar. Sempre é un partido bonito de afrontar, porque eles van líderes, non perderon, e nós na casa tampouco perdemos nunca”.
Nunha entrevista en Radio Xallas, o futbolista dubrés manifestou que a afección da S.D. Castriz estábao “sorprendendo moitísimo” percibindo “moita ilusión” nos seareiros.
E todo isto anima “e fai que teñas que xogar e render e cando xogas fora que queiras traer algo para casa porque esa xente non te vai ver en balde”.
Tamén está contento co ambiente no equipo: “O de estar todos xuntos, de ser tan unidos, xa mo dixeran, e agora coincido co que me dicían antes de chegar eu”.
Unha vitoria contra o Club do Mar sería unha boa inxección. Borja Gándara cometa: “Se lle gañamos ao Club do Mar, eu creo que chegaremos a Boimorto con esperanzas de estar arriba. Ese partido será o 22 de decembro. Se perdemos o domingo pois haberá que seguir sumando, porque , xa che digo, hai que chegar á salvación”.