Hai persoas importantes dentro e fora do campo. E que tamén transmiten enerxía positiva desde as ondas de radio. Unha delas é Lucía Fernández Domínguez “Luchy”, capitá do Xallas F.C. que este ano rematou unha excelente tempada co título da Copa da Costa.
Foi un ano complicado para Luchy, por unha lesión, pero sabía que tiña que estar aí. Petando no bombo, dando ánimos, estando a carón das súas compañeiras. E falando en Radio Xallas.
“Estiven sempre motivando, aínda que estivera KO por dentro, tirando por elas porque somos un equipo e elas tiñan que demostrar no campo todo o que sabían” explicou a deportista de Arantón.

«Sufro máis na grada que no campo»
Nunha conversa en Radio Xallas detallou o mal que se pasa sen estar dentro do campo:
“Eu sufro máis na grada que no campo. Vese o fútbol desde outra perspectiva. Eu paseino peor tanto na grada como cando estiven no banquiño”.
Luchy destaca a grande tempada realizada na curta vida do equipo: “Non foi fácil chegar aquí. Cando empecei neste proxecto non podía imaxinar tanto. Unha Copa da Costa é moi importante. Foi unha tempada incrible”.
Agradece o apoio dos seareiros: “A afección sempre da un plus”. Nesta entrevista falou de moitas cousas. Podes escoitala a continuación.


