O concello de Santa Comba recupera a actividade do Cachibol, moi valorada entre os maiores do municipio.
O vindeiro venres 20 de outubro a actividade do Cachibol retomarase no pavillón de Fontenla, despois de cinco anos de parón. Será semanalmente de 11 a 12h e con carácter gratuíto.
Cachibol en Santa Comba
O monitor da actividade será unhas das persoas que máis vencello tivo desde sempre co Cachibol, José Manuel Vázquez “Huelvis”, que recibiu os parabéns do alcalde Alberto Romar “pola súa alta implicación co colectivo dos maiores».
Este xogo de lanzamentos e recepcións, cuxo obxectivo é pasar unha pelota por enriba dunha rede e que caia no campo contrario, busca o equilibrio mental e físico nunha disciplina para persoas con diferentes capacidades onde a parte lúdica toma unha grande importancia.
O mandatario xalleiro quixo mencionar que non se trata de inventar novas actividades senón de recuperar as que funcionaban sempre tendo en conta as peticións da nosa xente.

