Iván Facal é un dos referentes da S.D. Castriz. Despois de varios anos militando na Preferente decidiu recalar neste clube onde recibiu “un trato inmellorable e estou super a gusto”. De feito na entidade desexan que finalmente desfolle a margarida e se quede.
Facal asegura que agora a prioridade é a Copa da Costa:”Chegar a semifinal da Copa da Costa é un premio bastante bo pero nós queremos máis”.
Nunha entrevista no programa “Na Encrucillada” de Radio Xallas, o futbolista xalleiro destacou o “chute de enerxía” que supuxo a vitoria fronte a un equipo como o Mazaricos. Pero tamén superaron ao Corcubión e ao San Lorenzo, ambos a domicilio.
Iván Facal:”A unha semifinal non se chega por sorte”
“A unha semifinal da Copa da Costa non se chega por sorte. Hai un traballo que se reflexa os domingos” sinalou.
Destacou tamén “o nivel da plantilla. Hai xogadores que poderían estar máis arriba, adestran moi ben e son animais competitivos”. Todo isto cun técnico, Miguel Chouza, “que sabe ler os partidos coma ninguén”.
Agora a entidade que preside José Luis Carreira “Pince” agarda que se dispute o encontro adiado entre Monte Louro e Muros para coñecer o rival do vindeiro domingo.
Escoita a entrevista aquí. A partir do minuto 33
Tanto Iván Facal como Miguel Chouza están nominados, nas categorías de mellor xogador e mellor adestrador, ós premios deportivos que concede o xornal dixital Que Pasa Na Costa.