Nestes días de cuarentena contactamos cun dos referentes deportivos no concello de Santa Comba. Fernando Baña Amigo, que non é alleo a estes “tempos difíciles”, nos que aclara que “a vida nos pisos non é o mesmo que na aldea”.
Unha tempada con boas perspectivas
Fernando vive no Busto, na parroquia de Santa Sabiña. Comezou a tempada nunha nova categoría (xunior -68kg), pero co obxectivo de proclamarse campión galego. E xa encaraba o treito final da competición, e pendente do Open de España, o campionato galego e tamén o estatal.Pero pasou o que pasou.
Mañás de estudio
Agora mentras agarda o regreso á normalidade, ocupa os seus días de distintas formas. Pola mañá a actividade céntrase no estudio a través da canle de comunicación do instituto Terra de Xallas de Santa Comba, onde cursa primeiro de bacharelato.
Tardes de deporte para Fernando Baña
Polas tardes aproveita para “seguir manténdome en forma”. 45 minutos de exercicios de abdominais e pernas. Outros tantos de taekwondo cos aparellos que ten na casa, e logo uns dez minutos de estiramentos.
No resto do tempo aproveita para “liberar a mente” entreténdose cuns videoxogos ou vendo a televisión. Fernando Baña non se esquece de lembrar o lema “Eu quedo na casa” e mandar unha mensaxe “de ánimo para toda a xente e tentade facer todo o deporte posible”.