Manuel Mouzo Méndez//
Dende que se iniciou a tempada de pesca 2019 escoitamos abraiados a seres superiores, que se cren na posesión exclusiva da verdade, expoñer o seu pensamento cheos de razón, ou iso cren, como norma de obrigado cumprimento para todos. Non podes argumentar contra o seu pensamento, só eles teñen razón. Inda que iso de ter razón sexa a pandemia máis estendida dos nosos días, consumen boa parte do seu tempo e da súa enerxía tentando ser os únicos posuidores da verdade. Insisten no seu sempre que atopan unha oportunidade, poñendo por diante o seu pensamento.
Nin se decatan que todo pensamento repetido longamente pasa a ser un programa mental que xa non os deixa separar o que son do que pensan. Tan dominados están polas súas crenzas que chegan ao convencemento de que todos debemos pensar o mesmo. O que eles non entenden é que aceptar ideas alleas é máis sinxelo do que semella, abonda con aceptalas, sen compartilas, sen executalas nin cumprilas.
Nos coutos con convenio pódese pescar na modalidade de pesca sen morte dende o 1 de agosto ata o 30 de setembro. Na meirande parte deles sobran o 100% dos permisos sen morte. Segundo as propias palabras dos responsables administrativos algunhas sociedades de pescadores nin sequera os retiran dos servizos da Xunta. Ao longo da tempada normal de pesca nos coutos que só son na modalidade sen morte a ocupación tampouco chega nunca ao 100%. Mesmo en moitos dos tramos libres sen morte a presencia de pescadores sen morte é anecdótica. Pero seguen dálle que dálle querendo impoñernos a todos a pesca sen morte ou reclamando cada vez máis tramos de pesca sen morte. Nada hai máis perigoso que grandes ideas en pequenos cerebros!.Según dixo Eleanor Roosewelt, ninguén pode facer que te sintas inferior se ti non o permites. E os pescadores con morte non o permitimos, somos tan pescadores coma os sen morte, tan respectuosos coa lexislación coma eles e coidamos tanto os nosos ríos coma calquera deles. A diferenza do que eles pretenden con nós non buscamos impoñerlles nada. Somos tolerantes, tan tolerantes que mesmo toleramos a súa intolerancia. Non obstante, chega un momento no que a tolerancia xa deixa de ser virtude, e ese momento non anda lonxe.
Ata agora deixámolos falar, mesmo fixemos caso omiso a algún que nos cualificou de cavernícolas. Pero nós temos a forza suficiente para cambiar o que se poida cambiar, a suficiente resignación para aceptar o que non se poida modificar e a imprescindible dose de sabedoría para recoñecer a diferenza. Boa proba do que acabo de dicir é que ninguén de nós levantou os brazos contra a drástica diminución de cupos de capturas. E esa medida só nos afecta aos pescadores con morte, ou non? Pregunto sen mala intención. É que eu nin me creo na posesión exclusiva da verdade nin sempre teño razón.
Manuel Mouzo Ménde é presidente da Federación Galega de Pesca