O PP alerta dunha posible sanción e da clausura do campo de fútbol municipal de Laxe.
A situación do campo de fútbol do Cabo da Area de Laxe volve a actualidade despois de que o colexiado do encontro da terceira categoría da Liga da Costa entre Laxe e Outes, recollera na acta as deficiencias “moi graves” que hai na instalación deportiva.
O partido tivo que ser detido despois de que o campo de enchera de cristais despois da explosión do sistema de iluminación. “Non houbo que lamentar danos persoais nin nos xogadores, nin no árbitro, nin nos afeccionados, pero estamos ante un feito intolerable e inadmisible en calquera instalación deportiva” manifestou o portavoz local do PP, José Luis Pérez.
O PP xa pediu melloras fai meses
O árbitro tamén fixo constar a existencia de pingueiras no seu vestiario e a falta de auga quente. Segundo os populares, estas queixas poderían derivar en sancións económicas ou na clausura do campo. Para Pérez Añón “estamos a dar a imaxe dun municipio abandonado, que non coida as súas instalacións e que ten un alcalde ao que lle dá igual todo”.
Desde o Partido Popular de Laxe lembran que que presentaron unha moción no pasado mes de maio, na que demandaban ao concello melloras no campo de fútbol. “Neste caso, o goberno local non pode dicir que non estaba avisado. Desde o noso grupo e desde o equipo de fútbol levamos meses denunciando esta situación sen que faga nada para solucionar o problema” engadiu Pérez Añón.