Seis entidades e un deportista individual foron os protagonistas desta Gala do Deporte.
O multiusos de Santa Comba volveu a celebrar unha nova edición da Gala do Deporte que recuperou o formato inicial. Co auditorio cheo, a velada comezou cunha exhibición de baile a cargo de Melanie Lois e Christian Domínguez e o saúdo da concelleira de deportes, Silvia Cancela, que dixo sentirse “orgullosa deste gran momento” e reiterou a intención do seu departamento de continuar “apoiando ao deporte de base”.O evento foi presentado por Diego Viaño.
O delegado provincial da federación de Balonmán, Bruno López, foi o encargado de entregar o primeiro dos premios da noite, ao equipo infantil feminino do Balonmán Xallas. As rapazas, os técnicos e o presidente do club David Barbeira recolleron a distinción.
A alcaldesa María Pose entregou o premio de Fernando Baña, que destaca no taekwondo, e o padriño da gala, o ciclista Ezequiel Mosquera foi o encargado do recoñecemento do equipo xuvenil do Xallas F.C., recollido polo presidente José Manuel Pérez Gorgal e por varios membros do equipo.
Dous clubs do Xallas F.C. tamén foron premiados. Os alevíns adestrados por Jota e os prebenxamíns de Rupper. Roberto García e Silvia Cancela entregaron os premios. No acto emitiuse un saúdo en vídeo do adestrador Joaquín Caparrós.
A concelleira de deportes tamén entregou o recoñecemento da asociación de pesca Santa Comba-Xallas e por último Ezequiel Mosquera recibiu a unha representación do club ciclista Santa Compaña, cunha mención especial a unha das súas promesas, Daniel García.
Posteriormente a alcaldesa María Pose felicitou a tódolos premiados e a todas as persoas que practican deporte e que forman “unha canteira de xalleiros da que temos que estar orgullosos”. O xefe provincial de deportes, destacou o “esforzado compromiso” do concello de Santa Comba polo deporte e parabenizou aos premiados por ser “un referente deportivo e persoal”.
Despois a escola de música tradicional de Santa Comba interpretou o himno galego e coa tradicional foto de familia rematou unha Gala do Deporte que transcurriu dun xeito dinámico.