Venres 21:00h. Multiusos.Ezequiel Mosquera será o padriño do evento que será presentado por Diego Viaño.
O concello de Santa Comba recupera un evento que se deixou de celebrar hai seis anos. A Gala do Deporte, organizada polo departamento que dirixe Silvia Cancela, volve a servir este venres para recoñecer a traxectoria de seis equipos da localidade e un deportista individual. Entre os premiados están o equipo infantil feminino do Balonmán Xallas e tamén o fútbol base do Xallas F.C.
A cita comenzará as 9 da noite no auditorio do multiusos. Será presentada polo “televisivo” Diego Viaño, e contará co ciclista Ezequiel Mosquera como padriño. Non faltará un saúdo en vídeo desde Qatar do adestrador Joaquín Caparrós, con moita vinculación coa Terra do Xallas. De feito a peña deportivista da capital municipal leva o seu nome.
Representación da Xunta e de federacións deportivas
Xunto coas autoridades locais encabezadas pola alcaldesa María Pose, tamén está prevista a asistencia da Secretaria Xeral para O Deporte, Marta Míguez, do xefe provincial, Roberto González, do presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, e do responsable provincial da Federación Galega de Balonmán, Bruno López.
Segundo explican desde a Oficina de Deportes municipal a Gala contará cunha actuación de apertura a cargo dos bailaríns Melanie Lois e Christian Domínguez e pecharase coa escola de música tradicional de Santa Comba que interpretará o himno de Galicia.