Os pilotos queren iniciar o campionato sumando os puntos en xogo no circuito da Chousa dos Toxos, en Santa Comba.
XXXIII Autocross de Santa Comba
O circuito da Chousa dos Toxos, na zona de Marlán volve a ser o punto de partida do campionato galego de Autocross. A XXXIII proba que se celebra baixo o traballo intenso da Escudaría Esa Motor-Amigos do Motor co apoio do concello de Santa Comba.
Será este sábado 18 de marzo. As probas clasificatorias terán lugar a partir das 12,30 do mediodía e posteriormente as semifinais e as finais poderán verse desde as 15:30h.
É a primeira das nove citas dun campionato que se disputará posteriormente nas localidades de Arteixo, O Castro, Carballo, e Viduedo, con dúas probas en cada circuito.
Pilotos destacados que non se perden a cita
O presidente da escudaría Esa Motor, Silvio Antelo, confirmaba esta mañá que xa estaba “todo preparado” para poder asistir a apertura do calendario nunha zona con moita tradición. Participarán máis de 30 pilotos nas categorías de máis de 1.600c.c. e Kart Cross.
Hai vinte inscritos en máis de 1.600cc. Entre eles os tres primeiros clasificados do ano pasado Mario Rios, Celestino Iglesias Cores e Alfonso Castro, así como o subcampión de menos de 1600cc, Daniel Castro.
O piloto de Desguaces Tino Racing, Iglesias Cores acabou primeiro en menos de 1600cc e segundo en máis de 1600c. Tamén estarán en Santa Comba o veterano Diego Mantiñán co seu Opel Tigra e o piloto local Bruno Almeida.
Polo que respecta ao Kart Cross hai 22 participantes, entre eles dous destacados do ano pasado, o subcampión Joaquín Chamorro e Daniel Mariño. Ambos forman parte da escudaría carballesa Máis Motor.
Polo tanto a emoción está asegurada e o día será propicio no eido climatolóxico. Agárdase unha boa afluencia a esta carreira inaugural do campionato.